Friday 17 de May de 2024

O Concello de Brión, distinguido co Premio Peña Novo pola utilización e realización de accións en defensa da lingua galega


O galardón será entregado nun acto que terá lugar no Castelo de Soutomaior o próximo 30 de xuño

O Concello de Brión vén de ser distinguido co XXII Premio Peña Novo pola utilización dende 1979, e de xeito ininterrumplido, e a realización de distintas accións en defensa da lingua galega. Uns galardóns que outorga a Fundación Lois Peña Novo como recoñecemento do uso do idioma galego no ámbito profesional e que este ano foron concedidos ao Concello de Brión e aos profesores Francisco Díaz-Fierros Viqueira e Xosé Manuel Cid Fernández.

O xurado decidiu premiar ao Concello de Brión “pola utilización desde 1979 e de xeito ininterrompido da lingua galega como lingua de uso no Concello, tanto para as tarefas administrativas como para desenvolvemento de accións dirixidas ao pobo”. Un xurado que estivo composto por Ángel Carracedo Álvarez (catedrático de Medicina Legal da USC premiado na edición anterior), Rosa Castro Legazpi (guionista e asesora lingüista da TVG), Soledad Ríos Santomé (filóloga e presidenta da Lonxa Literaria), Xosé Ramón Paz Antón (músico, pintor e historiador), Héitor Picallo Fuentes (escritor e ilustrador) e Carmen Pérez Vaquero (secretaria da Fundación Lois Peña Novo).

O xurado salienta “a organización no ano 1988 do primeiro Equipo de Animación Cultural existente en Galicia, constituído por mozos e mozas que serviron de nexo entre a cidadanía e a administración” e destaca “a preocupación do Concello ao longo dos anos pola defensa da identidade como pobo, fomentando obradoiros que recollen experiencias herdadas dos devanceiros para que sirvan de exemplo ás novas xeracións”. Finalmente, o xurado recoñece a importancia de que ten que ao longo destes anos se teñan continuado co proceso de normalización do uso da lingua galega, “que provocou que siga sendo o idioma de comunicación habitual entre os seus habitantes”.

Agradecementos

Os XXII Premios Peña Novo serán entregados nun acto que terá lugar no Patio de Armas do Castelo de Soutomaior o próximo 30 de xuño, ás 19:30 horas. O premio non ten dotación económica, polo que os premiados recibirán unha medalla de prata, unha insignia de solapa en prata e un diploma acreditativo dos méritos que concorren no premio.

A secretaria da Fundación Lois Peña Novo felicitou ao alcalde brionés, José Luís García, “polo esforzo feito en manter encesa a lingua e a cultura de Galicia entre a mocidade. Actitudes como esta son as que se necesitan para ter un apoio real á lingua e que se convirta na lingua vehicular de uso entre a sociedade”. Pola súa banda, José Luís García agradeceu a distinción porque “é un recoñecemento ao labor que levamos facendo en Brión dende hai moitos anos en defensa da nosa lingua, pois non podemos esquencer que fomos o primeiro Concello de toda Galicia en escribir as súas actas plenarias en galego”.